Monday 13 de May de 2024

Os veleiros da Tall Ships Races Magallanes Elcano despídense da Coruña e continúan travesía rumbo a Lisboa e Cádiz


A regata comezou no Reino Unido e, por décima vez, fixo parada na Coruña, a cidade que máis veces participou neste evento náutico internacional

Os veleiros da Tall Ships Races Magallanes Elcano 2023 partiron este mediodía desde A Coruña rumbo a Lisboa, tras a súa estadía na cidade desde o mércores. Esta mañá tivo lugar a despedida das embarcacións que participan nesta regata de ámbito internacional, que volveu á Coruña sete anos despois. A alcaldesa, Inés Rey, estivo presente na despedida dos veleiros a bordo do patrulleiro de altura ‘Atalaya’, da Armada Española.

As tripulacións da Tall Ships Races, formadas por máis de 800 persoas, dixeron adeus á cidade despois de varios días de actividades de ocio, musicais e gastronómicas na cidade, así como o tradicional desfile que tivo lugar o venres pola tarde e a entrega de premios da Sail Training International (STI) na praza de María Pita. Numeroso público asistiu á despedida dos veleiros, desde a contorna do Castelo de San Antón, Durmideiras e a Torre de Hércules. Sobre as 13.00 horas tivo lugar a parada de vela fronte ao buque de Autoridades para poñer fin á estancia na Coruña e continuar travesía rumbo sur.

No buque de Autoridades asistiron á despedida por mar, ademais da alcaldesa, Inés Rey, a concelleira de Turismo, Diana Cabanas, o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e membros da Corporación municipal. Presenzaron tamén a despedida o Almirante xefe do Arsenal de Ferrol, Ignacio Frutos Ruiz, o Comandante da Forza de Protección da Armada, Manuel García Ortiz, o Comandante Naval da Coruña e Ferrol, Juan Carlos Prada Pardal, ou o Comandante do ‘Atalaya’, Ramón José Leste de León, así como membros e forzas de seguridade do Estado. A bordo desde buque estaban representantes da Sail Training International (STI), institución que organiza esta regata de alcance mundial.

Os veleiros da Tall Ships Races 2023 farán a seguinte parada da travesía en Lisboa e, posteriormente, continuarán a súa navegación rumbo a Cádiz.

Décima vez na Coruña

A Tall Ships garda tras de si un estreito vencello coa cidade da Coruña. Entre os anos 1958 e 2013 a proba ten pasado ata en dez ocasións pola Coruña, implicando a centos de mozas e mozos coruñeses, así como a milleiros de visitantes doutros países participantes, na organización e apoio da regata, tarefas nas que colaboran de forma conxunta o Concello, a Autoridade Portuaria e a Asociación Juan de Lángara, en apoio da Sail Training International (STI).

Nesta edición da regata réndeselle homenaxe a unha das viaxes históricas da navegación marítima: a que levaron a cabo Fernando de Magallanes e Juan Sebastián Elcano no século XVI, hai máis de 500 anos, e que permitiu completar a primeira circunnavegación do globo terráqueo.